Co obxectivo de por en marcha o libro dixital nos centros educativos galegos, o proxecto E-DIXGAL arranca este curso 2014/2015, incorporando a máis de 2.300 alumnos de 5º de primaria de 84 centros Abalar que se adscribiron á iniciativa.
Docentes e alumnos dos centros implicados desenvolverán a súa actividade educativa diaria nunentorno virtual de aprendizaxe que lles vai permitir acceder a contidos dixitais para 5º de primaria de dous provedores, a editorial EDEBÉ e a empresa de contidos dixitais Netex.
Os docentes poderán elaborar a súa propia “mochila dixital” seleccionando a través da plataforma dixital os contidos formativos e podendo incorporar os materiais complementarios que desexen, así como contidos de elaboración propia. Cómpre recordar que estes centros, integrados no proxecto Abalar, teñen tamén a súa disposición o espazoAbalar con máis de 2.106 recursos educativos dixitais complementarios en sete idiomas.
Os alumnos poderán acceder ao material seleccionado polo profesor tanto a través dunha conexión a internet (modo online) como dende o seu netbook (modo offline).Deste xeito, garántese que os alumnos e as alumnas que non dispoñan de conexión a Internet desde as súas casas poidan seguir o curso sen dificultade. De feito, todo o avance que realicen sen conexión será actualizado de maneira automática na plataforma en canto o netbook volva ter conexión de rede.
A posta en marcha desta iniciativa implica a formación do profesorado e do alumnado, que desde o luns 8 de setembro terán á súa disposición na propia plataforma cursos de teleformación orientados a cada un dos perfís sobre o uso e vantaxes da plataforma.
O acceso á plataforma virtual de aprendizaxe é posible a través de calquera equipo con conexión a internet sempre que se faga uso das claves de acceso que lle serán entregadas ao alumnado no centro. Porén o alumno que así o desexe, ten a posibilidade de utilizar tamén na súa casa o netbook (ordenador portátil) que emprega na clase, para o que deberá solicitar no seu centro un formulario de préstamo do mesmo, que devolverá asinado no prazo máis breve posible.
A utilización do ordenador portátil e das ferramentas e contidos dixitais instalados no mesmo é gratuíta para o alumno. As familias comprométense a que o alumnado realice un uso dilixente do equipamento, ao coidado dun equipo público, que poderá ser usado noutros cursos por outros alumnos, e a unha utilización vinculada á actividade educativa para a que é cedido
No hay comentarios:
Publicar un comentario